Sign In

Noticias

Últimas Noticias
ARZÚA CONVÉRTESE NO EPICENTRO DAS GRANDES OPORTUNIDADES COA 2ª FEIRA DE STOCKS E ARTESANÍA

ARZÚA CONVÉRTESE NO EPICENTRO DAS GRANDES OPORTUNIDADES COA 2ª FEIRA DE STOCKS E ARTESANÍA

Descontos de ata o 70%, 18 expositores locais, programación cultural, obradoiros, espazo de ocio infantil permanente e o sorteo de 300€ en vales de compra consolidan unha cita clave para o comercio local os días 28 e 29 de marzo no Multiúsos Terra do Queixo

 

 

Arzúa, 3 de marzo de 2026.– O comercio de proximidade de Arzúa prepárase para vivir unha das súas grandes citas do ano. A Asociación de Empresarios da Comarca de Arzúa (AECA) celebrará os vindeiros 28 e 29 de marzo a II Feira de Stocks e Artesanía, un evento que converterá o Multiúsos Terra do Queixo nun gran escaparate colectivo con descontos de ata o 70%, propostas para todos os públicos e unha completa programación de lecer.

A cita foi presentada oficialmente este 3 de marzo no propio Multiúsos Terra do Queixo nun acto que contou coa presenza de comerciantes do Centro Comercial Aberto de Arzúa integrados en AECA e a xerencia da entidade organizadora, quen destacou o papel estratéxico da feira como ferramenta de dinamización económica, impulso do consumo local e fortalecemento da imaxe conxunta do centro comercial aberto arzuán.

Un gran outlet multisectorial con identidade propia

Durante dúas xornadas, en horario continuo de 11:00 a 20:30 horas, o recinto feiral reunirá a 18 expositores locais que ofrecerán produtos de distintos sectores a prezos moi competitivos. A moda —con especial presenza de téxtil e calzado— será un dos principais reclamos, xunto con propostas de Artesanía de Galicia e Artesanía Alimentaria, complementos elaborados con materiais reciclados, libros, xoguetes, artigos de bazar, decoración e outras alternativas pensadas para todos os públicos.

A feira nace cun dobre obxectivo: facilitar aos establecementos a liquidación de stock e a obtención de liquidez antes da próxima tempada, ao tempo que ofrecer á clientela auténticas oportunidades de compra nun único espazo, cómodo e accesible.

Compras, lecer e experiencias para toda a familia

A II Feira de Stocks e Artesanía vai máis alá do ámbito estritamente comercial e AECA aposta por unha experiencia completa. O evento contará cun espazo de ocio infantil permanente dinamizado por Biosbardos Animación, con xogos e obradoiros que permitirán ás familias realizar as súas compras con comodidade.

A programación incluirá:

  • Música en directo cunha sesión de tardeo a cargo do Dúo Attic o sábado.

  • Vermú literario o domingo a mediodía coa presentación da última obra do escritor Manuel Portas e unha cata de produtos locais; coa colaboración de Queixería Barral e Bodegas Lodeiros.

  • Espectáculo de maxia para todos os públicos o domingo a partires das 18:30 horas da man do Mago Rafa.

Como peche do evento, celebrarase un sorteo de 300 euros en vales de compra, un incentivo que premiará a fidelidade da clientela e reforzará o impacto económico da feira.

Ademais, o recinto contará co posto da Churrería Camporrapado e co servizo de Bar O Chiringuito, configurando un espazo pensado tamén para o encontro social e o “terraceo”.

PLANO DA II FEIRA DE STOCKS E ARTESANÍA

Unha aposta firme pola dinamización comercial.

Organizada pola Asociación de Empresarios da Comarca de Arzúa (AECA), a feira conta coa colaboración do Concello de Arzúa e está cofinanciada pola Xunta de Galicia para a dinamización do Centro Comercial Aberto de Arzúa.

Coa combinación de grandes descontos, programación cultural, experiencias gastronómicas e actividades familiares, a II Feira de Stocks e Artesanía consolídase como unha das citas comerciais máis relevantes da primavera na comarca, reforzando a imaxe de Arzúa como vila activa, dinámica e comprometida co seu comercio de proximidade.

Toda a información e o desenvolvemento do evento pode seguirse a través das redes sociais de AECA @aeca.aeca.79

O mupi publicitario de AECA situado na avenida principal de Arzúa, en pleno Camiño Francés, amosa o cartaz do evento:

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

O pasado domingo, 1 de marzo, AECA publicitou en primicia a nova do evento a través do xornal La Voz de Galicia na sección La Voz de Santiago:

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Imaxe do momento da presentación do evento con algúns dos comerciantes participantes como protagonistas, xunto coa xerente de AECA, ao carón do Recinto Feiral «Multiúsos Terra do Queixo»:

Relacionados