Sign In

Noticias

Últimas Noticias
AECA organiza unha xornada formativa sobre factura electrónica e pagamentos por Bizum para o comercio de Arzúa

AECA organiza unha xornada formativa sobre factura electrónica e pagamentos por Bizum para o comercio de Arzúa

A sesión, celebrada o pasado 24 de abril nas instalacións de EFA Piñeiral, achegou aos comercios asociados información práctica sobre as novas obrigas de facturación e as posibilidades dos pagamentos dixitais. A actividade contou co cofinanciamento da Xunta de Galicia e coa colaboración da marca Comercio Galego.

A Asociación de Empresarios e Comerciantes de Arzúa (AECA) celebrou o pasado 24 de abril a xornada informativa «Factura electrónica e pagamentos por Bizum», unha acción formativa dirixida aos comercios asociados ao Centro Comercial Aberto (CCA) de Arzúa, co obxectivo de facilitar a súa adaptación aos novos cambios normativos e ás ferramentas dixitais aplicadas á actividade comercial.

Esta actuación contou co cofinanciamento da Xunta de Galicia, no marco das actuacións de apoio e impulso ao comercio galego, e coa colaboración e visibilidade da marca Comercio Galego, contribuíndo así ao desenvolvemento de iniciativas orientadas á modernización, formación e dixitalización do comercio de proximidade.

A formación tivo lugar entre as 15:00 e as 16:30 horas no Centro de Formación Profesional EFA Piñeiral, en Arzúa, e foi impartida por Beatriz Irigoyen Vázquez, de A Mariña Asesores Consultoría (Nueces de Mar, S.L.). A actividade contou coa colaboración do Centro de Formación Profesional EFA Piñeiral, poñendo as súas instalacións a disposición de AECA.

Durante a sesión abordáronse dúas cuestións de especial interese para o día a día dos pequenos negocios. Por unha banda, tratouse a factura electrónica, explicando as novas obrigas, os prazos de adaptación, os posibles supostos de exención e os requisitos e formatos que deberán cumprir as facturas. Tamén se presentaron as diferentes ferramentas e solucións dixitais dispoñibles para facilitar a súa emisión e xestión.

Por outra banda, analizáronse as posibilidades de utilización de Bizum no ámbito profesional, diferenciando as solucións destinadas a empresas e persoas autónomas do servizo de uso particular. Explicáronse as súas posibilidades de integración nos sistemas de cobramento dos establecementos e as vantaxes que poden achegar na relación cos clientes.

Con esta iniciativa, AECA continúa apostando pola formación, a dixitalización e a modernización do comercio local, achegando información e ferramentas útiles para que os negocios poidan afrontar os cambios normativos, mellorar a súa xestión e adaptarse aos novos hábitos de consumo.

AECA quere agradecer o apoio da Xunta de Galicia e da marca Comercio Galego, cuxo cofinanciamento e respaldo permiten impulsar accións formativas e iniciativas de dinamización destinadas a fortalecer o comercio de proximidade. Así mesmo, agradece a colaboración de EFA Piñeiral, a intervención de Beatriz Irigoyen Vázquez e a participación dos comercios asistentes.

Seguimos traballando para fortalecer e impulsar o comercio de proximidade da comarca de Arzúa.

 

Relacionados