Sign In

Noticias

Últimas Noticias
Celebramos a volta ás aulas cunha nova campaña para dinamizar o comercio local en Arzúa

Celebramos a volta ás aulas cunha nova campaña para dinamizar o comercio local en Arzúa

AECA e a Concellería de Promoción Económica do Concello de Arzúa promoven “Volta á Escola”, unha iniciativa que se desenvolverá do 1 ao 30 de setembro con sorteos, premios e unha gran festa familiar o venres 11 no Campo da Feira

Arzúa, 31 de agosto de 2026. A Asociación de Empresarios da Comarca de Arzúa (AECA) e a Concellería de Promoción Económica do Concello de Arzúa poñen en marcha durante o mes de setembro a campaña de dinamización comercial “Volta á Escola”, unha iniciativa destinada a incentivar as compras nos establecementos locais coincidindo co inicio do novo curso escolar.

Baixo o lema “A mellor volta á escola comeza no comercio local”, a campaña desenvolverase do 1 ao 30 de setembro de 2026 e combinará promoción comercial, sorteos e actividades de lecer dirixidas especialmente ás familias.

Un dos principais atractivos será o sorteo dun ordenador portátil HP. Para participar, as persoas consumidoras poderán solicitar o seu Pasaporte “Volta á Escola” nas librarías asociadas e completar a cartilla conseguindo seis selos correspondentes a seis establecementos diferentes do CCA Arzúa, mediante compras superiores a 15 euros realizadas entre o 1 e o 30 de setembro.

Cristina Carril, xerente de AECA CCA Arzúa, destaca que «con esta campaña queremos acompañar as familias nun momento tan importante como é a volta ás aulas e, ao mesmo tempo, lembrar que no comercio local poden atopar atención próxima, variedade e todo o necesario para afrontar o novo curso. O Pasaporte busca, ademais, animar a percorrer diferentes establecementos e descubrir a ampla oferta comercial que temos en Arzúa».

Pola súa banda, Begoña Balado, concelleira de Promoción Económica, sinala que «Volta á Escola combina apoio ao comercio de proximidade cunha proposta pensada para compartir en familia. Queremos que mercar en Arzúa sexa tamén unha forma de facer vila, contribuíndo a manter vivo o noso tecido económico e xerando actividade nas rúas e nos establecementos locais».

Unha gran festa para celebrar a volta ás aulas

A programación terá un dos seus momentos máis destacados o venres 11 de setembro, coa celebración da Festa Volta á Escola no Campo da Feira de Arzúa, a partir das 17.00 horas e con entrada libre.

A xornada contará cun amplo programa de propostas de lecer para nenos, nenas e familias, entre elas inchables, barredora, obradoiro de personalización de camisetas, coreografía flashmob, festa das cores e sorteos, entre outras actividades.

Ademais, durante a festa realizarase o sorteo presencial dunha bicicleta valorada en 500 euros. Para optar a este premio será necesario recoller previamente unha invitación nalgún dos establecementos asociados a AECA entre os días 1 e 11 de setembro. Esta invitación permitirá tamén conseguir po Holi para participar na festa das cores.

Vales de material escolar por valor de 100 euros

A celebración continuará tamén nas redes sociais. As persoas participantes na Festa Holi poderán optar a vales de material escolar valorados en 100 euros compartindo unha fotografía da súa participación a través de Facebook ou Instagram de Arzúa Turismo, conforme ás condicións establecidas para esta acción.

Con “Volta á Escola”, AECA e a Concellería de Promoción Económica buscan premiar a fidelidade das persoas consumidoras, fomentar as compras no comercio de proximidade e poñer en valor a importancia dos establecementos locais na actividade económica e social de Arzúa.

A iniciativa pretende tamén converter a volta ás aulas nunha celebración compartida, creando un ambiente festivo nas rúas e ofrecendo ás familias unha proposta de lecer coa que despedir o verán e afrontar o inicio do novo curso.

A campaña está promovida por AECA e pola Concellería de Promoción Económica do Concello de Arzúa, e conta co cofinanciamento da Xunta de Galicia, a través de Comercio Galego, e da Deputación da Coruña, ademais da colaboración de Arzúa Turismo.

¡A MELLOR VOLTA Á ESCOLA COMEZA NO COMERCIO LOCAL! 🎒✨

Setembro xa está aquí e en Arzúa queremos celebrar o regreso ás aulas ó grande. A Asociación de Empresarios da Comarca de Arzúa (AECA), en colaboración coa Concellería de Promoción Económica, presenta a nova campaña de dinamización comercial «Volta á Escola 2026» 🛍️📚🍏.
Este ano mercar preto ten premio. Queremos apoiar aos nosos negocios e, ao mesmo tempo, axudar ás familias cunha morea de sorpresas, eventos e premios incribles. 🎁👇
💻 GRAN SORTEO: GAÑA UN ORDENADOR PORTÁTIL HP
¡Equípate para o novo curso! Sorteamos un Ordenador Portátil HP15 (Intel Core i5, 8GB RAM, 512GB SSD).
¿Como participar? ¡É moi sinxelo!
Recolle o teu PASAPORTE físico nas librarías asociadas (Anagrama e Os Picariños) ou na oficina de AECA.
Reúne 6 selos de 6 tendas diferentes do CCA Arzúa realizando compras superiores a 15€ dende o 1 ao 30 de setembro.
Deposita o teu pasaporte completado en calquera comercio asociado antes do 30 de setembro. O sorteo será o 5 de outubro en directo en Radio Arzúa.

BASES DE PARTICIPACIÓN NO SORTEO DO ORDENADOR PORTÁTIL HP:  Bases reguladoras SORTEO VOLTA Á ESCOLA 2026 AECA

🤸‍♀️🎶¡FESTA VOLTA Á ESCOLA! (Venres, 11 de Setembro)
Apúntate á diversión a partir das 17:00h no Campo da Feira de Arzúa. ¡A entrada é LIBRE! 🎉
Inchables e varredoira 🏰
Obradoiro de T-shirt tuning 👕
Coreografía Flashmob 💃
¡FESTA DOS CORES / FESTA HOLI! 🌈
🔥 EXTRA: Consegue unha INVITACIÓN nunha tenda asociada a AECA do 1 ao 11 de setembro. Conseguirás o teu po holi gratis para desfrutar da festa e unha participación no SORTEO PRESENCIAL DUNHA BICICLETA valorada en 500€! 🚲💨
📸 CONCURSO EN REDES: GAÑA VALES DE MATERIAL ESCOLAR
Sube a túa foto desfrutando da Festa Holi ao teu Facebook ou Instagram etiquetando a @arzuaturismo. ¡Podes gañar vales de material escolar valorados en 100€! 📝🎒
Este setembro, elixe calidade, elixe proximidade. Porque facer comunidade é o mellor investimento. 🔗 + info e bases @arzuaturismo
Actividade promovida por AECA Aeca Asoc Empresarios e a Concellería de Promoción Económica Arzúa Turismo coa cofinanciación da Xunta de Galicia Comercio galego e da Deputación da Coruña

 

Podes seguir o desenvolvento das campañas de AECA a través das súas redes sociais:

https://www.facebook.com/aeca.aeca.79

https://www.instagram.com/asoc_empresarios_aeca/

https://www.tiktok.com/@cca.arzua.aeca

Relacionados